Os Terribles de Donas – Alcoucer

11,95 Iva incluido

Formato: CD

Música: Folk

Se Abrollido foi o disco que inaugurou as gravacións do grupo Os Terribles de Donas e Pedramoura significou a ampliación e a confirmación desa recuperación, este terceiro disco chamado Alcoucer representa o renacer deste grupo histórico do Val Miñor noutra nova etapa que a partir das raíces que representan os herdeiros directos do grupo, Manolo e Suso Sousa, volve a refundarse unha vez máis coa incorporación dunha nova xeración de músicos representados por Jaime Estévez Moreira e Adrián Fernández que xunto a Xaime Estévez, forman na actualidade, este quinteto de música tradicional.

SKU: 8437006898805 Categoría: Etiqueta:

Descripción

Non foi nada fácil chegar ata aquí, o impresionante nivel e madurez acadado polo grupo en Pedramoura tivo que recuperarse durante un tempo dun cambio importante cando só tres dos compoñentes da anterior formación quedaron navegando neste barco da música galega… pero cando as raíces son boas pode volver a haber froitos  e así coa axuda de moita xente e as novas incorporacións chegamos a este porto chamado Alcoucer cheos de esperanza e ilusión tanto polo alto nivel alcanzado como polo prometedor futuro que nos pode agardar nesta nova etapa.

Neste novo traballo hai tres tipos de repertorio : pezas aínda inéditas  do repertorio  dos Terribles , pezas  novas ó estilo tradicional compostas polos tres músicos melódicos do grupo, e pezas de compositores moi apreciados por nós como o mestre Henrique Otero, Ernesto Campos ou Xurxo Antúnez . A axuda recibida nesta etapa por amigos que compartiron concertos  queda constatada na súa participación nesta gravación. Así Os Novos Galiños de Belesar, Breogán de Moaña, a Profesora Charo Guerrero, a violinista Carmen Estévez, o coro galego do Círculo cultural Abrente de Mos ou as Pandereteiras de Monte Boi de Baiona participan tamén desta gravación como o fixeron antes  en concertos diversos feitos por toda Galicia.

Alcoucer é o barrio de Donas onde viviron fundadores dos Terribles no seu momento e onde vive o noso actual bombeiro Suso  Sousa, un lugar que representa  as raíces do grupo que nos permiten volver a recoller froitos nesta nova etapa na que o Val Miñor, Gondomar e Donas seguen a ser o epicentro da nosa treboada artística que pretende enriquecer a música galega de raíz coa nosa proposta.

Agradecidos a todos os colaboradores, ós Concellos de Gondomar, Baiona e Nigrán así como a Irmandade de devotos de San Roque de Vigo por contar con nós para os concertos precisos para financiar este disco, tamén á comunidade de montes de Donas, á casa de Tolos e a Segundo Grandío por implicarse unha vez máis, a Carmen De La Torre pola revisión lingüística,a todos os que participaron antes no grupo formando parte necesaria desta historia e, especialmente,  ás nosas familias, amigos e seguidores polo seu apoio incondicional.

TEMAS

1 – Pasodobre de Manuel

2 –Soa una alborada

3 – Alcoucer

4 – Danza das Burgas

5 – O moucho

6 – Muiñeira do Lagares

7 –Xota do Morrazo

8 – Marchas de procesión

9 – Marchas de procesión

10 – Valse de Tebra

12 – Muiñeira a San Martiño

13 – Pasodobre Tango

14 – Noites de lúa na praia

Reseñas

Aínda non hai valoracións.

Sé o primero en valorar “Os Terribles de Donas – Alcoucer”