Descripción
Non foi nada fácil chegar ata aquí, o impresionante nivel e madurez acadado polo grupo en Pedramoura tivo que recuperarse durante un tempo dun cambio importante cando só tres dos compoñentes da anterior formación quedaron navegando neste barco da música galega… pero cando as raíces son boas pode volver a haber froitos e así coa axuda de moita xente e as novas incorporacións chegamos a este porto chamado Alcoucer cheos de esperanza e ilusión tanto polo alto nivel alcanzado como polo prometedor futuro que nos pode agardar nesta nova etapa.
Neste novo traballo hai tres tipos de repertorio : pezas aínda inéditas do repertorio dos Terribles , pezas novas ó estilo tradicional compostas polos tres músicos melódicos do grupo, e pezas de compositores moi apreciados por nós como o mestre Henrique Otero, Ernesto Campos ou Xurxo Antúnez . A axuda recibida nesta etapa por amigos que compartiron concertos queda constatada na súa participación nesta gravación. Así Os Novos Galiños de Belesar, Breogán de Moaña, a Profesora Charo Guerrero, a violinista Carmen Estévez, o coro galego do Círculo cultural Abrente de Mos ou as Pandereteiras de Monte Boi de Baiona participan tamén desta gravación como o fixeron antes en concertos diversos feitos por toda Galicia.
Alcoucer é o barrio de Donas onde viviron fundadores dos Terribles no seu momento e onde vive o noso actual bombeiro Suso Sousa, un lugar que representa as raíces do grupo que nos permiten volver a recoller froitos nesta nova etapa na que o Val Miñor, Gondomar e Donas seguen a ser o epicentro da nosa treboada artística que pretende enriquecer a música galega de raíz coa nosa proposta.
Agradecidos a todos os colaboradores, ós Concellos de Gondomar, Baiona e Nigrán así como a Irmandade de devotos de San Roque de Vigo por contar con nós para os concertos precisos para financiar este disco, tamén á comunidade de montes de Donas, á casa de Tolos e a Segundo Grandío por implicarse unha vez máis, a Carmen De La Torre pola revisión lingüística,a todos os que participaron antes no grupo formando parte necesaria desta historia e, especialmente, ás nosas familias, amigos e seguidores polo seu apoio incondicional.
TEMAS
1 – Pasodobre de Manuel
2 –Soa una alborada
3 – Alcoucer
4 – Danza das Burgas
5 – O moucho
6 – Muiñeira do Lagares
7 –Xota do Morrazo
8 – Marchas de procesión
9 – Marchas de procesión
10 – Valse de Tebra
12 – Muiñeira a San Martiño
13 – Pasodobre Tango
14 – Noites de lúa na praia
Reseñas
Aínda non hai valoracións.