Cantigas do Camiño – Cantigas do Camiño

9,95 Iva incluido

Dende os primeiros tempos da peregrinación a música foi para o Camiño moito máis importante do que se puidese pensar nun principio. Basta contemplar o Pórtico da Gloria da catedral compostelá para decatarse de que os 24 sabios anciáns que rodean a

SKU: 804071001467 Categoría:

Descrición

Cantigas do Camiño: O Camiño da Música.

Dende os primeiros tempos da peregrinación a música foi para o Camiño moito máis importante do que se puidese pensar nun principio. Basta contemplar o Pórtico da Gloria da catedral compostelá para decatarse de que os 24 sabios anciáns que rodean a Cristo no arco central portan todos un instrumento musical. Na porta das Praterías o bíblico rei David convertido en pedra toca o seu rabel.

Non hai partituras escritas da música que se escoitaba nos primeiros anos da peregrinación, dado que a notación musical estaba nun estado incipiente de desenvolvemento. Pódese desentrañar vagamente a música asociada ao Camiño, a que puideron cantar os romeiros ou a que puido ter o Camiño como tema de inspiración, como topos, e que conecta directamente coa música deste álbum, Cantigas do Camiño.

Cando se descobre a tumba do apóstolo Santiago, aló polo ano 830, en Iria Flavia, o mundo está a piques de vivir un rexurdir artístico e cultural importantísimo: o Románico. Carlomagno, para consolidar o seu imperio, dependente do papado, impuxera a liturxia romana do Gregoriano en substitución dos usos visigóticos hispánicos. Como consecuencia, nos mosteiros e igrexas que se constrúen ao longo da ruta Xacobea introdúcense na Hispania os tropos, composicións libres que se engadiron ás longas melodías gregorianas, para memorizalas e relaxarse un pouco. De “tropator” derivará a palabra trobador, oficio de compoñer cantigas en lingua vernácula.

Co Románico nacen as linguas romances, e con elas os primeiros textos e autores musicais coñecidos. Un libro fundamental da peregrinación é o Liber Sancti Jacobi, conxunto de cinco volumes do século XII do que se garda unha copia, o chamado Códice Calixtino, atribuído sen clara seguridade ao monxe Aymeric Picaud e que recolle a liturxia musical catedralicia e outras referencias, como a da Chanson de Roland, poema épico que relata a batalla perdida por Carlomagno en Roncesvalles cando tentou parar o avance do Islam. O Islam será tamén importante para a difusión dos saberes filosóficos e matemáticos e a súa música, deleitosa e libre, influirá na cristiá do medievo. O Calixtino contén, ademais da primeira guía de viaxe xacobea, o chamado canto de Ultreia, himno e código de saúdo dos peregrinos aínda hoxe.

Compostela convértese nos séculos XII e XIII nun centro importantísimo de actividade cultural. A través do Camiño chegan noticias e saberes de París, de Flandres, de Roma… Aparecen os xograres e trobeiros, poetas músicos que fan versos e cantan na lingua galego-portuguesa, algúns galegos, como Joan Ayras de Santiago ou Pero Amigo de Sevilla, quen traballará na corte do rei Afonso X “O Sabio”. Este monarca, de quen se cre que viviu de neno no castelo de Maceda (Ourense), será o impulsor da compilación das Cantigas de Santa María, unha colección de textos de milagres marianos con música que contén, polo menos, seis exemplos de temática xacobea.

Tamén xorde a música profana que exercitan os goliardos, clérigos e monxes vagabundos que viaxando difunden os seus cantos. Os célebres Cármina Burana son mostras de cantos goliardescos.

Haberá temas xacobeos en autos sacramentais, e ata na obra dos clásicos do Século de Ouro: Tirso de Molina escribirá o drama La Romera de Santiago.

Nos séculos seguintes florecerá a música popular e tradicional que peregrinos e romeiros escoitarán en forma de xotas, cantos de sega, cantos de traballo, bailadas ou alalás, ao longo do Camiño. Cancións e romances que coñecerán decenas de versións interpretadas tamén na Provenza, o Piemonte, ou Cataluña.

Esta música popular será recollida durante os séculos XVIII, XIX e XX en diversos cancioneiros franceses, españois ou galegos. Froito deste labor de músicos e estudosos, ao mellor, nos vindeiros anos, poderase recuperar algunha tradición perdida, como a de escoitar os cantos de cego que se executaban a carón da Porta Santa compostelá nas décadas finais do século XIX.Tamén poderán ter nova vida algúns romances xacobeos como o Don Gaiferos de Mormaltán, relato fantástico cabaleiresco que conta a xesta de Guillaume X, duque de Aquitania, peregrino que morreu un Venres Santo xusto ao chegar ao destino, e que foi musicada e gravada por Faustino Santalices no 1949.

Luis Carandell, convertido a cronista do Camiño no seu libro Ultreia, conta que o cáliz que se conserva no Cebreiro inspirou a Richard Wagner a súa ópera Parsifal. É de sobra coñecido o gusto dos grandes compositores polos temas populares, así que non debe ser tan raro que se recuperen neste álbum algúns clásicos xacobeos como o Romance de Don Gaiferos, que se cante en latín ou que se tomen “prestados” elementos da liturxia compostelá, como o himno Dum Paterfamilias. É simplemente a recuperación dunha tradición, a de facer música con temática romeira, que pode ter uns mil anos.

Os trobeiros de agora, os goliardos, xograres, poetas, cantareiros e bailadores galegos do Ano Santo do 2010, están neste disco compilados ao mesmo xeito que se compilou o Códice Calixtino, máis ou menos, entre o 1140 e o 1170. Para que non queden dúbidas de cara aos mil anos seguintes, os autores e intérpretes teñen nome e apelidos, e son, por orde alfabética, os que seguen: Berrogüetto, Bonovo, Emilio Rúa, Faltriqueira, Fuxan os Ventos, Guadi Galego, Leilía, Luar na Lubre, Milladoiro, Romero, Sondeseu, Susana Seivane, Treixadura, Uxía e Zeca Medeiros.

Estas Cantigas volverán ter vida un ano máis a través do regueiro de estrelas que perfilan a Vía Láctea, a través da súa música, a través do Camiño: o Camiño da Música.

Valoracións

Ainda non hay ningunha valoración

Se o primeiro en valorar “Cantigas do Camiño – Cantigas do Camiño”