LUAR_sons_da_lubre

Luar na Lubre – Sons da lubre nas noites de luar

Luar na Lubre reúne en «Sons da lubre nas noites de luar» vinte e seis anos de carreira

O traballo recompila en tres cedés e un deuvedé 45 temas e un concerto na praza da Quintana o pasado 31 de xullo

«Unha caixa máxica que condensa a historia aínda sen fin, porque Luar na Lubre continúa». Nonito Pereira, amigo e colaborador do grupo e que se encargou de facer o libreto introdutorio, resumía así os tres cedés e o deuvedé que recompilan unha parte da historia musical de Galicia, a de Luar na Lubre, con 45 temas e un concerto en directo na praza da Quintana, gravado o pasado 31 de xullo na capital galega. O traballo componse de tres cedés, nos que non faltan as referencias mitológicas: Trasnos, que recolle as suites instrumentais, Fadas, baladas e romances tradicionais; e Encantos, no que se recompilan colaboracións con Lila Downs, Ismael Serrano, Pedro Guerra ou Pablo Milanés.

Na presentación, o fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero, recordaba que «vinteséis anos facendo música en Galicia é delicado, complicado», sobre todo nun momento «hostil, no que a música apenas é recoñecida». No entanto, e tras catorce discos, Romero pode presumir de ter mantido nas listas dos máis vendidos a nivel estatal durante trece semanas o último traballo que publicaron, Mar Maior. No seu novo recompilatorio recóllese «unha forma de entender o país», así como o concerto da Quintana do pasado mes de xullo, «porque entendemos que non había lugar mellor para facelo». Ao finalizar a presentación os músicos interpretaron dous dos temas incluídos nos cedés, entre eles Chove en Santiago, coa voz espida de Paula Rey á fronte.

Deixa unha resposta