Os amigos dos músicos – Segundo Fogar (CD)

9,95

En stock

En stock

Descripción

Os Amigos dos Músicos teñen listo Segundo fogar (Todomedre, 2019), o seu segundo disco, que se estreará esta primavera e no que a banda de Ourense firma dez novas cancións gravadas en Compostela coas que continúan a remexer a canción popular galega.
De novo unha obra colectiva, na que todos compoñen e cantan, e na que as letras se sitúan no primeiro plano, pero sen deixar de lado pasaxes instrumentais que viaxan
dun lado ao outro do Atlántico. A forza da palabra e das historias está apoiada por sonoridades nas que se encontran tradicións musicais diversas. As guitarras de 12
cordas e os omnichords combínanse cos adufes e as mandolinas, nun diálogo no que Os Amigos dos Músicos manteñen a súa busca das melodías e os ritmos que fan
da canción popular un segundo fogar ao que sempre queremos volver.
As crónicas é o primeiro adianto deste novo disco. Unha canción na que se mostra un tempo orixinario, aquel no que comezan todas as aventuras que estean por vir. O
vídeo que a acompaña é a historia dunha e mil viaxes. Un percorrido por lugares novos que nos son xa familiares e que permiten o encontro dos viaxeiros. Producido por Prenom e dirixido por Rubén Domínguez, o vídeo leva aos seus protagonistas a diferentes lugares da xeografía galega: Carnota, o Monte Pindo, Cotobade, a Fervenza
do Ézaro, Aguiño, A Lanzada, o Alto do Paraño, a Lagoa de Cospeito, o Castro de Baroña, Belesar…

As cancións de Segundo fogar falan de viaxes e de lugares de encontro, moitas veces pasaxeiros, que nos resultan familiares unha vez perdemos parte do que levábamos con nós. O amor, a loita, a perda ou o medo son pulsións que recollen as dez cancións deste disco, que supoñen un paso máis no discurso que a banda iniciara co seu anterior traballo. E como xa fixeran nese primeiro disco, Os Amigos dos Músicos traballan con textos da tradición galega. Neste caso cun poema de Uxío Novoneyra, que converten en Bicarelo, unha peza que demostra a capacidade da banda para mesturar con naturalidade a lingua galega cos sons da música norteamericana.
Neste segundo traballo, Os Amigos dos Músicos están acompañados por dous dos artistas máis importantes da nova música galega. Xabier Díaz, que colabora cantando e tocando o adufe nun arranxo de percusión que demostra que Astano e Ipanema non quedan tan lonxe. E Fernando Barroso, que coa súa mandolina tamén atopa o lugar no que se xuntan os dous lados do océano.
Gravado no Estudio A Ponte, en Roxos (Santiago de Compostela), no outono de 2017 e a primavera de 2018. Gravacións adicionais para Os atlantes feitas en Aracena (Huelva) por Pablo Ramírez. Producido por Os Amigos dos Músicos.
Mesturado por Raúl Diz e Druso L. Pedrouzo. Enxeñeiro de son: Tomás Ageitos.
Masterización: Arturo Vaquero. Fotografía: Federico Álvarez. Deseño: María Grande.

1. Mar en ondas (Diz)
2. Amor frugal (Nóvoa)
3. As crónicas (Mateo)
4. Cabalo gañador (Alonso)
5. Pavillón dos Remedios(Mateo)
6. É doado (Alonso)
7. Bicarelo (Novoneyra/Diz)
8. Os atlantes (Nóvoa)
9. Non pensar (Alonso)
10. Regaleiche(Mateo/Alonso)